Todos estamos informados sobre a traxedia acontecida onte en Santiago de Compostela, Galicia. Vemos nova información a cada intre, reportes desgarradores e novas esperanzadoras. Estamos a escribir isto dende a dor. A dor que todas as persoas comparten coas vítimas, cos afectados, cos familiares, cos amigos,... Pero é que esta dor síntese máis próxima que nunca ao ocorrer o desastre en Galicia, a nosa Galicia, o noso fogar. Por iso queremos escribir esta entrada, como forma de expresar os nosos sentimentos e reflexións. Non daremos datos ou hipóteses, iso deixámosllo aos informativos e ás redes sociais. Hoxe, simplemente compartimos con vós as nosas sensacións.
É 25 de Xullo, o Día de Galicia. Porén, non é día de celebración. A falta duns minutos para as 9, un Alvia que viña de Madrid con destino a Ferrol, descarrilaba a poucos quilómetros de Santiago de Compostela. Un deses sucesos que quedan gravados na memoria e, que sen dúbida, deixan datos para a reflexión. Poderíamos falar da mala cobertura que realizaron os medios de comunicación nacionais, da desafortunada mensaxe de condolencia do presidente do goberno ou dos polémicos tweets dalgunha xente pouco respectuosa coas familias destrozadas a causa do accidente, mais non imos facer iso. Sería quitarlle protagonismo á xente que deu un claro exemplo de solidariedade e de humanidade ao resto do país. Estes verdadeiros heroes anónimos son o eixo da nosa entrada e homenaxe.
Dende o minuto cero, todos mostraron a súa solidariedade. Os veciños da zona chamaron inmediatamente aos servizos de emerxencias para, acto seguido, acudir á zona do desastre levando mantas, auga... Algúns portaban motoserras e hachas para tratar de liberar ás vítimas. O corpo de bombeiros, que estaba en folga, desconvocouna. Os sanitarios nos hospitais, dobraron quenda e médicos e enfermeiras acudiron aos hospitais a prestar axuda. En medio da devastadora noticia, fíxose un chamamento á doazón de sangue para as vítimas, e, en pouco tempo, formábanse colas de máis de 500 persoas ante o Centro de Doazón de Santiago, para axudar. Esta imaxe repetiuse nos hospitais da nosa comunidade. Hostaleiros santiagueses tamén colaboraron lanzando un comunicado no cal ofrecían habitacións de forma gratuíta para aloxar ás familias dos afectados. Mentres, miles de persoas en Twitter comentaban a noticia, aportando nova información, difundindo os teléfonos de asistencia, imaxes ou datos dos viaxeiros do tren de Alvia. Tamén vimos como contas de afamados deportistas, actores ou cantantes contribuían á difusión e lamentaban a desgraza. Chegaron comunicados de numerosos países, como Portugal ou Francia, ofrecendo axuda e recursos, e moitísimos máis comunicados de condolencias dende distintos puntos do planeta. De feito, #AnimoGalicia chegou a ser Trending Topic mundial en Twitter, hastag co que a xente mandou o seu apoio.
E iso é o que queremos transmitir, a humanidade que se puido respirar en medio da catástrofe, porque aínda queda xente boa, que presta axuda desinteresada e contribúe con todo o que pode.
Porque entre tanta traxedia houbo heroes. Todos os anteriormente mencionados, todos os que se implicaron, TODOS.
Porque se algún día nos preguntan quen nos representa, acordarémonos destes heroes anónimos e deste día. O día en que Galicia se puxo a disposición de Galicia. Por iso, hoxe máis que nunca, estamos orgullosas do noso pobo. Porque, como ben dixo Castelao no seu día, "Quen pode, pois, salvar Galiza? Galiza mesma."
Todo o noso respecto e sentimento está coas vítimas, cos familiares e amigos neste triste 25 de Xullo.
Imaxes: Tumblr e Twitter.
No hay comentarios:
Publicar un comentario